Ao principio foi Vieiros. Do Blogomillo ao Galituíter
Liña cronolóxica da cibercultura en Galicia en 101 fitos: os acontecementos, os nomes e as datas máis sinaladas para a construcion dun ciberespazo en galego. Para a materia de 'Cibercultura e redes sociais' do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural da facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC. Por Marta Veiga Izaguirre. (Imaxe de fondo tirada da portada do caderno de Sermos Galiza 'Debullando o Blogomillo', publicado o 6 de novembro de 2014).
1991-11-29 23:25:53
Convenio para crear o Cesga
Asínase o convenio Consellería de Educación e Ordenación Universitaria – Consello Superior de Investigacións Científicas para a creación do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), baixo a figura xurídica de Sociedade Anónima de Xestión.
1993-02-28 23:25:53
Primeira conexión a internet
O Cesga realiza a primeira conexión a internet desde Galicia.
1994-01-01 05:15:24
Vocabulario
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo publica 'Vocabulario de informática galego-inglés-castelán'.
1994-01-30 23:25:53
El Correo Gallego chega á rede
El Correo Gallego é o primeiro dos medios tradicionais galegos en facerse un oco no ciberespazo.
1994-01-30 23:25:53
Primeira web en galego
O filólogo coristanqués Alfonso Xavier Canosa crea a primeira páxina web en galego en Gales, onde estuda. O dominio é www.aber.ac.uk/~axc94.
1995-11-01 23:25:53
Autoestrada Galega da Información
O Cesga asina un acordo de colaboración coa Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia para o soporte de RECETGA sobre AGI (Autoestrada Galega da Información). Mediante este acordo, RECETGA pasa a ser unha rede de banda larga.
1996-02-24 23:25:53
Vieiros marca o camiño
O ciberespazo galego ve por vez primeira un medio nativo dixital, Vieiros, que foi un referente informativo durante case que 15 anos.
1998-03-02 23:25:53
Novos Medios
Constitución do grupo de investigación Novos Medios na facultade de Ciencias de Comunicación da USC.
1999-01-01 23:25:53
Botelha ao Mar, de Suso de Toro
Antes da chegada da era dos blogs, 'Botelha ao Mar', de Suso de Toro, foi a primeira web para a creación literaria en galego. Ese mesmo ano chegan tamén 'O Qu do Mundo', de Gonzalo Navaza, e 'Ximnasio de Akademo', de Manuel Forcadela.
1999-01-01 23:25:53
Xornal.com
Nacemento do diario dixital Xornal.com.
1999-03-12 23:38:55
Xuventude Galiza Net
Edición inaugural do Xuventude Galiza Net, primeira 'LAN party' celebrada en Galicia, que pervive na actualidade. A finais da primeira década dos dousmil, o Pazo de Congresos de Compostela chegou a acoller 40.000 persoas durante a fin de semana do XGN.
1999-05-18 09:30:55
Ghastas Pista?, música do país
A web Ghastas Pista?, sobre música tradicional galega, informa sobre foliadas e seráns "desde o século XX", como se pode ler no seu encabezado. É unha iniciativa de Raquel Gonzalez Gamallo.
2000-05-17 01:16:06
Primeiros pasos de Eganet
Dezanove socios fundadores botan a andar a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), que aglutina as firmas e profesionais do sector en Galicia.
2000-07-25 23:25:53
Código Cero
Primeira publicación de Código Cero, revista online de información tecnolóxica, concibida para a comunidade 'geek' galegofalante.
2000-09-23 23:25:53
Consello da Cultura Galega
O Consello da Cultura Galega bota a nadar o seu portal de medios en internet, Culturagalega.org (agora xa .gal).
2001-01-01 05:15:24
Léxico panlatino
Manuel Núñez Singala, do Servizo de Normalización Lingüística da USC, participa na publicación 'Léxico panlatino de internet', promovido pola Rede Panlatina de Terminoloxía e o Bureau da Tradución do Goberno de Canadá. Este glosario inclúe 300 entradas en catalán, galego, español, portugués, italiano, romanés, francés e inglés
2001-07-02 03:11:29
Conectate@Galicia.com
A Dirección Xeral de Comunicacións da Xunta pon en marcha a campaña Conectate@Galicia.com, cunha carpa itinerante que permite conectarse de xeito gratuíto a internet en cidades e vilas de todo o país.
2001-10-18 03:11:29
Internet rural
O presidente da Xunta, Manuel Fraga, comproba o funcionamento da posta en marcha nas parroquias compostelás de Marrozos e Aríns do CDMA (División de Código en Acceso Múltiple), que permite navegar por internet e utilizar o teléfono a un tempo.
2002-10-12 20:12:00
VA-CA, Vía Anticolonial Activa
Unha cafetaría compostelá ve o primeiro encontro do Comité Homologador Central (CHC), máximo órgano coordinador da Vía Anticolonial Activa (VA-CA), un colectivo anónimo de persoas, os subcomediantes, que empregan internet para loitar "contra o colonialismo pequeno imperial" mediante "a retranca, o humor, a substituiçom simbólica e o surrealismo político".
2003-01-08 23:25:53
Galipedia
Galipedia, a versión galego da Wikipedia, a enciclopedia colaborativa online, xorde baixo licenza Creative Commons.
2003-01-21 07:31:19
Creación de Blogaliza
Aparece Blogaliza, unha ferramenta que comeza a listar blogs en galego. Á altura de 2006, cunha ferramenta baseada en Wordpress (libre) permitirá tamén aloxalos.
2003-02-07 20:12:00
Ascárida comeza un fotolog colaborativo
Ascárida, detrás da bitácora Orballo e nome importante da cibercultura galega pola súa implicación en Vieiros e posteriorme en Chuza! e Blogaliza, lanza unha proposta para argallar un fotolog colaborativo, segundo recolle Nubeiro.
2003-03-01 11:28:59
Aduaneiros sem fronteiras
Berto Yáñez e Pancho Lapeña crean o proxecto de humor gráfico Aduaneiros sem fronteiras, que anticipa 15 anos a linguaxe dos memes. Unha denuncia da poeta Yolanda Castaño obriga a pechar a páxina en 2007.
2003-06-07 22:47:17
Premios Mestre Mateo
A primeira edición dos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, que distinguen obras do exercicio de 2002, inclúen xa a categoría de Mellor Produción Multimedia, que gañará o proxecto 'El Templo', de Interacción. A partir da cuarta edición a categoría será Mellor Obra Interactiva.
2003-07-25 01:16:06
Galicia Confidencial
Xurxo Salgado crea en formato de blog 'Galicia Confidencial', cos anos reconvertido a medio de comunicación online en galego.
2003-09-29 07:31:19
Todo Nada
A xornalista luguesa María Yáñez publica a primeira entrada do seu blog, 'Todo Nada'.
2003-12-01 20:26:07
Capital lugués en Skype
O investidor de Riotorto Gerard López, a través da súa emprega Mangrove, é o primeiro en apostar por Skype. A start-up é vendida a eBay dous anos despois por 4.000 millóns de euros.
2003-12-14 07:31:19
Capítulo Cero
Manuel Gago, investigador da USC e integrante do grupo Novos Medios, estrea a súa bitácora, 'Capítulo Cero'. Esta bitácora segue hoxe en activo e tense pola máis antiga na blogosfera galega con traxectoria ininterrompida.
2003-12-15 07:31:19
Outra vaca no Blogomillo!
María Yáñez saúda a chega de Manuel Gago á blogosfera galega coa frase: "Outra vaca no Blogomillo". Nace aí o termo para se referir á comunidade de blogs en galego.
2004-05-17 13:15:04
Son Galicia Radio
Comezan a emitir Radio Galega Música e Son Galicia Radio a través de dúas canles da frecuencia dixital 11c do DAB. Se ben a primeira pode atoparse no dial, a segunda, que só programa musica galega e en galego, unicamente emite online e a través da TDT.
2004-10-08 12:16:52
Galiza Indymedia
O FBI confisca os servidores de internet de varios nodos de Indymedia, o portal antiglobalización nacido coa batalla de Seattle de 1999. Entre eles, resulta afectado o servidor de Galiza Indymedia.
2005-01-03 21:49:49
O Dicionário Estraviz, na rede
Unha nova do portal Vieiros recolle que o dicionario reintegracionista do lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz está dispoñible en internet, con 91.000 termos naquela altura.
2005-03-25 23:25:53
Ediciós da Rotonda, libros sen papel
María Yáñez e Berto Yáñez idean Ediciós da Rotonda, un proxecto editorial para libros non impresos que poría en circulación 'O home inédito', a primeira novela de Carlos Meixide.
2006-02-20 01:16:06
Chuza!
Berto Yáñez desenvolve o agregador de novas Chuza!, semellante ao formato de Menéame, e que funcionará como unha protorrede social. As chuzarrascadas do 25 de xullo reúnen a comunidade.
2006-04-19 05:21:15
Quen é quen no Blogomillo
O encontro En Blogs en Compostela é reseñado por Ghanito (@ghanito) na súa bitácora Apocalipse do Porco ao día seguinte.
2006-06-01 23:38:55
'A polo Ghit' do verán
A TVG e o xornal electrónico Vieiros lanzan un certame para escoller a canción do verán denominado 'A polo Ghit'. As bases especificaban que as cancións debían distribuírse baixo licenza Creative Commons.
2006-06-10 01:16:06
Asociación Puntogal
Constitúese a asociación Puntogal, formada por persoas do sector tecnlóxico en Galicia co obxectivo de acadar o dominio .gal en internet para os contidos galegos.
2006-09-14 20:12:00
Chuzanews, Podpailán de Modesto
Primeira emisión de 'Chuzanews', no Podpailán do xornalista Modesto del Río (@modesto).
2006-10-01 10:29:23
Os falangullos de Podgalego.org
Podgalego.org naceu para promover o incipiente fenómeno do 'podcasting' en Galicia e, tras un paréntese de cinco meses, volveu abrir en xaneiro de 2008. O xornalista de Vieiros Roberto Noguerol crea o termo 'falangullo' para referirse aos podcasts en galego.
2007-01-01 01:16:06
Cabozo
Nace, aínda baixo o nome anglófono de 'Pantry', a rede social 'Cabozo', que será a primeira rede social galega.
2007-03-01 05:09:45
Migración ás redes sociais masivas
Paseniñamente comeza unha migración da comunidade blogueira galega ás redes sociais: primeiro Facebook e Tuenti (para a rapazada máis nova) e un chisco despois, Twitter. Encétase un novo período.
2007-05-17 20:12:00
Fodemillo
Unha información de Mar Mato en faro de Vigo revélalle ao mundo analóxico que as bitácoras con contidos eróticos de Blogaliza (As Minhas Mulleres, Fodendo, As túas Balas, Crónicas do Palheiro, Laranxa, Madialeva...) agrúpanse baixo o epígrafe Fodemillo.
2007-06-16 19:48:31
Tan gallego como el gazpacho
O portal Vieiros recolle o nacemento da web 'Tan Gallego como el Gazpacho', unha reacción desde o humor a a retranca ao movemento 'Tan gallego como el gallego' nacido ao socaire de Galicia Bilingüe.
2007-06-29 00:10:53
A Requeifa Netlabel
A plataforma de autoedición A Regueifa Netlabel publica o seu primeiro 'audiobook', 'Berlín', con Poemas de María Lado, recitados con música de Fanny+Alexander e aditados en papel baixo unha capa de David Rubín. A Regueifa naceu como "un 'netlabel' sen ánimo de lucro dende o que todos aqueles creadores e creadoras que o desexaban podían difundir, distribuír e amosar a súa obra baixo licenza Creative Commons".
2007-12-02 16:42:34
Galiciaé
O grupo de comunicación El Progreso lanzo un portal web en galego que aglutina contidos de todos os medios do grupo (naquela altura, El Progreso, Diario de Pontevedra, De Luns a Venres, Nova+, TeleLugo, LugoPress, Galicia Gastronómica e Axencia Galega de Noticias).
2008-01-01 01:16:06
A Navalla Suíza
María Yáñez. Berto Yáñez, Óscar Otero, Xabier Cid e Álvaro Gómez, un equipo composto por informáticos, xornalistas e lingüistas, constitúen a empresa de desenvolvementos web A Navalla Suíza, que será un dos referentes dos formatos máis renovadores no ciberespazo galego entre a primeira e a segunda década dos anos dousmil.
2008-03-01 23:38:55
Proxecto Identidade
Sae en papel o libro 'Proxecto identidade', unha publicación agromada con colaboración de autoras e autores de 54 bitácoras do Blogomillo.
2008-04-23 21:49:49
Digalego.com
A editorial Ir Indo celebra o Día Internacional do Libro habilitando unha web, Digalego.com, para o seu dicionario de máis de 2.000 páxinas. Será o primeiro dicionario de galego online de normativa oficial.
2008-05-31 23:38:55
Quedada do Blogomillo en Agolada
Unha trintena de blogueiros e blogueiras do Blogomillo participan nun encontro celebrado nos Pendellos do municipio dezao de Agolada.
2008-07-29 19:48:31
Sei o que nos Figestes...
O portal Galiciaé recolle a creación da plataforma ridiculista Sei o que nos Figestes... os Últimos 525 Anos (en referencia ao axustizamento de Pardo de Cela en Mondoñedo). O nome replica un programa diario de televisión que emitía La Sexta e, á súa vez, unha película de terror adolescente de finais dos noventa.